Brais Fernández Prieto é graduado en Lingua e literatura españolas (2018-2022), con mestrado en Estudos da Literatura e a Cultura (2022-2023) pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade traballa como investigador contratado predoutoral (Xunta de Galicia, 2025-2029) na mesma institución, na Área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada. Forma parte do Grupo de Investigación Teoría da Literatura e Literatura Comparada como investigador en formación, no cal desenvolve desde 2023 a súa tese doutoral Literatura y desamortización: el espacio ruinoso en la obra de Enrique Gil y Carrasco, Gustavo Adolgo Bécquer y Rosalía de Castro. Nela estuda, desde un punto de vista interdisciplinar, o impacto dos decretos desamortizadores na producción literaria decimonónica, a través dun corpus composto por prosa, ensaio e poesía.
É colaborador externo do proxecto "Prosa literaria galega medieval", no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, onde realizou anteriormente labores de dixitalización e etiquetado semántico para a creación dunha futura base de datos ao amparo dunha bolsa de concurrencia competitiva. Forma tamén parte do grupo de traballo do proxecto La inscripción de la memoria cultural en el espacio público: estrategias de consumo institucional del pasado literario (1837-1978) (PID2021-127259NB-I00).
Os seus intereses científicos abarcan da literatura en español do século XIX ata a literatura peninsular contemporánea, nas que aplica metodoloxías especializadas no estudo do espazo, os afectos e a memoria. Como docente, imparte aulas de Teoría e Crítica Literarias e Conceptos fundamentais de Teoría Literaria e Literatura Comparada.