Laura María

Camino Plaza, Laura María

Investigadora Contratada Posdoutoral (Xunta de Galicia - Fulbright)

laura.camino@usc.es

Filóloga clásica de formación, son doutora con mención internacional en Estudos da Literatura e da Cultura pola Universidade de Santiago de Compostela (USC, 2019). Na miña tese Carteándose con mujeres: tradición literaria, género y afectos en el círculo del Loira (Francia, ss. XI-XII), desenvolta dentro do Grupo de Referencia Competitiva en Teoría da literatura e Literatura Comparada da USC, en co-dirección co Departamento de Clásicas da mesma universidade, estudei o corpus epistolar latino dirixido a mulleres por Baudri de Bourgueil, Marbodo de Rennes e Hildeberto de Lavardin; tamén inclúe a súa primeira tradución ao español. O meu traballo baséase nas contribucións teóricas e críticas dos estudos afectivos, de xénero e culturais á investigación sobre a literatura e a historia medievais, ademais de incorporar métodos e técnicas innovadoras do campo das Humanidades Dixitais para estudar a influencia feminina dentro das comunidades literarias da época.

En liña con estes intereses, o meu proxecto posdoutoral “Redes socioliterarias medievales: hacia una reconstrucción comparada de la agencia cultural y política femenina en la Europa de los siglos XII y XIII”, aspira a constituír un modelo de referencia nos estudos comparados de sociabilidade literaria entre mulleres e homes da Europa dos séculos XII e XIII ao combinar a investigación básica cunha análise a gran escala que permita visualizar e explorar as redes masculinas e femininas de correspondencia a través da metodoloxía propia da análise de redes sociais. Este proxecto foi financiado cunha axuda de formación posdoutoral da Xunta de Galicia-Fulbright, o que me permitirá desenvolver o meu traballo en colaboración con centros estranxeiros de primeiro nivel como a Sorbonne Université, University of Oxford e Columbia University durante o período 2021-2023.

Entre as miñas publicacións, destacan “Amar en tiempos monásticos: estrategias de representación en el intercambio epistolar entre Baudri de Bourgueil y Constancia de Le Ronceray”, publicada en Anuario de Estudios Medievales (CSIC) e galardoada en 2018 co 2º premio de investigación na IX Edición dos Premios á Introducción da Perspectiva de Xénero na Docencia e a Investigación na USC, o artigo de divulgación “Feminismo y medievalismo: ¿para qué nos sirve hoy conocer a las mujeres del pasado?”, que foi Accésit do XXVII Premio Nacional Carmen de Burgos de Divulgación Feminista en 2020, e “Cuestión de género: la discriminación de las investigadoras en España”, publicado en 2021 en coautoría con Aldara Cidrás na prestixiosa revista de educación brasileira Cadernos de Pesquisa.

Asimesmo, son membro do proxecto de investigación Cartografías del afecto y usos públicos de la memoria: un análisis geoespacial de la obra de Rosalía de Castro (FFI2017-82742-P), financiado por MINECO/FEDER e dirixido por Fernando Cabo Aseguinolaza e María do Cebreiro Rábade na USC. No marco deste proxecto, publiquei o artigo “Memoria, género y comunidad en los prólogos de Rosalía de Castro” na revista polaca Itinerarios, e desenvolvo actualmente varios ensaios de lectura distante da obra de Rosalía de Castro a través de softwares como R, Nodegoat, Voyant Tools, MAXQDA, Mathematica e Recogito.

 

Curriculum

Publicacións